C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE O VICEDO. PERSOAL LABORAL (27000942012005) de Lugo

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 28 de Julio de 2009 en adelante

TIEMPO DE LECTURA:

Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor Vigencia PDF
C. Colectivo Convenio colectivo para o "Persoal laboral do concello de O VICEDO", da provincia de Lugo. Exp. 009-2009. Codigo 2700942 27/07/2009 Boletín Oficial de Lugo 28/07/2009 Vigente Documento oficial en PDF
Convenio colectivo para o "Persoal laboral do concello de O VICEDO", da provincia de Lugo. Exp. 009-2009. Codigo 2700942 (Boletín Oficial de Lugo núm. 170 de 27/07/2009)
Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo para o "PERSOAL LABORAL DO CONCELLO DE O VICEDO", da provincia de Lugo, asinado o día 28 de abril de 2009 (aprobado polo Pleno do Concello en sesión de 10 de xuño de 2009), por parte do Concello, o Sr. AlcaldePresidente e pola parte social a delegada de persoal e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real Decreto Lexislativo 1/95, do 24 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e no Real Decreto 1040/81, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

ESTE DEPARTAMENTO TERRITORIAL, ACORDA:


PRIMEIRO:

Ordenala inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios deste Departamento, así como o seu depósito.


SEGUNDO:

Remitilo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.


TERCEIRO:

Dispoñer a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Lugo, 10 de xullo de 2009.

- O Xefe Territorial, Antonio Dacal López.


CAPÍTULO I Ámbito de aplicación

 


Artigo 1º.- Ámbito persoal.

O presente convenio será de aplicación xeral ao persoal que preste servizos con carácter laboral, no Concello de O Vicedo, salvo que por incumprimento de norma legal superior se impida a súa aplicación. Quedan excluídos deste convenio todas aquelas persoas físicas vinculadas ó Concello por un contrato no laboral, este é, de prestación de servicios ben sexa de natureza civil ou mercantil, e os cargos de libre designación ou confianza política. Así mesmo quedan excluídos do seu ámbito as persoas ou entidades xurídicas que desenvolvan actividades lúdicas, deportivas ou culturais en dependencias municipais, independentemente de que teñan subscritos convenios de colaboración có Concello, así como asociacións ou clubes que desenvolvan actividades en dependencias municipais.


Artigo 2º.- Ámbito temporal.

Vixencia e denuncia. Este acordo entrará en vigor ao dia seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá en vigor ata o 31 de decembro de 2011, prorrogándose automáticamente por períodos anuais ata ser substituído por un novo, a non ser que se produza denuncia escrita de calquera das partes, cun mes de antelación á data da terminación da vixencia do convenio, neste caso, a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos vinte días naturais seguintes a dita denuncia. As materias retributivas serán sometidas a negociación anual.


CAPÍTULO II Garantías

 


Artigo 3º

As condicións pactadas neste acordo forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente, quedando subordinadas a calquera disposición legal xeral de categoría superior que puidese ter efectos máis favorables para o persoal municipal, que serán de inmediata aplicación.


Artigo 4º

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas materias que, directa e indirectamente, afecten as condicións de traballo de persoal laboral deste Concello, e particularmente: retribucións, oferta de emprego, cadro de persoal e relacións de postos de traballo, sistemas de selección, promoción e provisión de postos, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, reestruturación e reorganización do cadro de persoal, xestión de servizos e métodos de traballo, seguridade e hixiene e dereitos sindicais e de participación. Dado o seu carácter reservado, quedan prohibidas as negociacións sectoriais ou individuais sobre as materias comprendidas no parágrafo anterior; no caso de producirse, tales negociacións serán declaradas nulas e non producirán ningún efecto.


Artigo 5º.- Comisión de seguimento

1. Aos 30 días da aprobación do acordo constituirase unha comisión paritaria de seguimento, integrada por membros da Corporación, o/s delegado/s persoal ou membros do comité de empresa.

2. A comisión estará integrada en representación do Concello: O AlcaldePresidente, ou membro da Xunta de Goberno Local en quen delegue; e un membro de cada un dos grupos con representación da Corporación Municipal do Concello, e en representación do persoal: o/os delegado/os de persoal ou membro/s do comité de empresa e o mesmo número de traballadores municipais como os que teñan representación por cada un dos grupos elixidos da Corporación Municipal. Será presidida por quen designen as partes de mutuo acordo, sendo elixido por este procedemento un Secretario. Cada parte poderá presentarse asistida por un asesor; calquera membro poderá formular ante a comisión cuestión sobre interpretación e aplicación do convenio.

3. A comisión reunirase nun prazo máximo de 72 horas dende a petición de calquera das partes, sendo o seu acordo de aplicación práctica nos termos que se concluían.

4. Os acordos adoptaranse por unanimidade. Recolleranse en acta e daráselles publicidade nos taboleiros de anuncios e sindicais. Os acordos adoptados consideraranse dende a data da súa adopción axexos ó convenio e formarán parte do mesmo.

5. A comisión paritaria de seguimento terá as seguintes funcións:

a) Vixiar o cumprimento do pactado e denunciar, no seu caso, os incumprimentos.

b) Facultade de conciliación previa e non vinculante nos problemas colectivos.

c) Facultade de interpretación do pactado d) Asegurar a non discriminación da muller, controlando a igualdade de trato, os posibles abusos, agresións de orde sexual, laborais, físicas ou psíquicas, tanto por parte dos compañeiros de traballo, como dos superiores.

e) Impedir a realización de toda conducta abusiva ou de violencia psicolóxica que se realice de xeito sistemático sobre un traballador, manifestada especialmente a través reiterados comportamentos, palabras ou actitudes que lesionan a dignidade ou integridade psíquica do mesmo e que poñan en perigo ou degraden as súas condicións de traballo.

f) Calquera outra función que expresamente se lle atribúa no acordo ou que, de común acordo, as partes consideren conveniente.


CAPÍTULO III Dereitos sindicais

 


Artigo 6º

A Corporación e o/s delegado/s de persoal ou membros do comité de empresa comprométense a desen volver as condicións que permiten o pleno exercicio da

liberdade sindical.


Artigo 7º

1. A representación do persoal exercitarase de conformidade coa Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS) o Estatuto do Traballadores (ET), Estatuto básico do empregado público, Lei 7/2007 do 12 de abril e cantas outras disposicións desenvolvan este ámbito en temas tales como procedementos de selección, dereitos e garantías da representación sindical, duración do mandato, composición da mesa de negociación e, en xeral, calquera doutras materias de contido sindical.

2. Para cumprir coas súas funcións a administración poñerá á disposición do/s delegado/s de persoal ou comité de empresa un local e medios materiais axeitados. Enténdese que este local non será de uso exclusivo por parte dos delegados de persoal ou comité de empresa, senón calquera que se encontre dispoñible no momento en que sexa necesario a súa utilización para levar a cabo as funcións necesarias.

3. Todos os centros de traballo e dependencias contarán con taboleiros de anuncios de uso exclusivamente sindical. Calquera representante sindical poderá acceder ás dependencias, oficinas ou servizos municipais, tendo dereito a ser informado dos asuntos que deba coñecer en razón da súa representación.


Artigo 8º

O/s delegado/s de persoal ou membro/s do comité de empresa terán as facultades que como tales lles recoñece o ET e a LOLS, e en particular:

1. Serán informados das cuestións que afecten ó persoal laboral e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal e gobernación. Notificaráselles a orde do día e a acta da sesión anterior e permitirase a asistencia dun representante dos delegados de persoal ou membro/s do comité de empresa ás reunións, con voz pero sen voto.

2. Terán acceso á revisión e a cantos datos consideren necesarios do orzamento e memoria do Concello.

3. Terán acceso á información sobre política de persoal, estatística sobre índice de absentismo e as súas causas, e aos datos de control horario.

4. Poderán formular e negociar ante os órganos correspondentes da Corporación cantas cuestión procedan en materia de persoal, réxime de prestación dos servizos, condicións de saúde, seguridade e condicións de traballo.

5. Colaborarán, por requirimento do Concello, en cantas medidas este estableza para manter e incrementar a produtividade.

6. Daráselles audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios.


Artigo 9º.- Dereito de reunión

1. Poderán celebrarse ata un máximo de tres asembleas xerais ao ano para todo o persoal laboral, en horas de traballo. Para evitar no posible un menoscabo na prestación dos servizos de atención ao público, as asembleas coincidirán co horario de entrada ou saída do persoal, e terán un límite de 1 hora e 30 minutos cada unha (en total 4 horas e trinta minutos ao ano, dentro do horario de traballo).

2. A convocatoria suxeitarase aos seguintes requisitos: -Deberá comunicárselle por escrito ao Alcalde a súa celebración con antelación de dous días hábiles.

-Neste escrito indicarase: a hora e o lugar de celebración; a orde do día e os datos dos asinantes que acrediten estar lexitimados para convocar a reunión.

3. Se antes das 24 horas anteriores á data da celebración da reunión, o AlcaldePresidente non formulase obxeccións a esta mediante resolución motivada, entenderase autorizada.


Artigo 10º.- Dereito á folga

1. Recoñécese o dereito á folga de conformidade coa Constitución e á súa normativa de desenvolvemento.

2. Dentro dos 3 meses seguintes á sinatura do acordo, o Concello e o/s delegado/s de persoal ou membros do comité de empresa, elaborarán un cadro de servizos mínimos para o caso de folga, aos que se presentarán con carácter inescusable.

3. Entenderanse por servizos mínimos os que teñan esta conceptuación na lexislación social aplicable.


Artigo 11º.- Garantías sindicais

1. O/s delegado/s de persoal ou membro/s do comité de empresa non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún deles poderá ser sancionado ou trasladado por motivos sindicais durante o exercicio das súas función nin dentro do ano seguinte á expiración da súa condición.

2. Cada un do/s delegado/s de persoal ou membro/s do comité de empresa gozará dun crédito mensual de 15 horas para o exercicio de actividades sindicais, coas seguintes especificacións:

a) A libre disposición deberá entenderse para cuestións relacionadas directamente con asuntos sindicais do Concello.

b) Non se considerarán como horas sindicais nin as de negociación nin aquelas utilizadas para reunión con órganos da Administración, convocadas por iniciativa destes.

3. Por cada organización sindical ou candidatura con representación na delegación de persoal poderanse acumular mensualmente as horas nos seus distintos compoñentes ata o máximo total establecido, dándolle conta diso ao Alcalde, con especificación de persoas e período para o que se acumulan, sempre que non ocasionen prexuízo para o servizo concreto das persoas en que se acumulen.

4. A comunicación do seu uso farase ao xefe de servizo correspondente e ao Alcalde cunha antelación de 48 horas.

5. O uso deberá xustificarse ante o Alcalde, xa sexa no propio escrito de comunicación ou, cando isto non sexa posible, nos dous días seguintes ao seu desfrute.


CAPÍTULO IV Clasificación profesional

 


Artigo 12º.- Sistema de clasificación.

O sistema de clasificación que se recolle neste convenio estructúrase en grupos profesionais, e establécese co fin de agrupar unitariamente as aptitudes profesionais, as titulacións e o contido xeral da prestación laboral que se corresponde con estas, ademais de favorecer a promoción, establecendo para levala a cabo mecanismos de carreira dentro do sistema.


Artigo 13º.- Grupos profesionais.

Establécense os seguintes grupos profesionais. Grupo A, dividido en dous subgrupos A1 y A2 Grupo A1: Integrado por tódolos traballadores ós que se lles esixe para o acceso o titulo universitario de grao ou o título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

Grupo A2: Integrado por tódolos traballadores ós que se lles esixe para o acceso ou é preciso para o desempeño do posto o título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao, ciclo formativo superior ou equivalente.

Grupo B: Integrado por tódolos traballadores ós que se lles esixe para o acceso ou é preciso para o desempeño do posto o título de técnico superior. (equivalente ao título de Formación Profesional de segundo grao).

Grupo C. Dividido en dous subgrupos, C1 y C2 Grupo C1: Integrado por tódolos traballadores ós que se lles esixe para o acceso ou é preciso para o desempeño do posto o título de bacharelato ou técnico, amais dos que accedan a este grupo de clasificación por promoción interna e que reúnan os requisitos esixidos na correspondente convocatoria.

Grupo C2: Integrado por tódolos traballadores ós que se lles esixe para o acceso ou é preciso para o desempeño do posto o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, graduado escolar, formación Profesional de primeiro grao ou equivalente, amais dos que accedan a este grupo de clasificación por promoción interna que reúnan os requisitos esixidos na correspondente convocatoria.

Grupo E: Agrupacións profesionais sen requisito de titulación


CAPÍTULO V Xornada e calendario laboral

 


Artigo 14º.- Xornada laboral.

Como norma xeral, a xornada laboral será a resultante da aplicación dos horarios reflectidos no anexo I:

Horario de verán (do 01 de xuño ata o 15 de setembro): Anexo I.


Artigo 15º.- Horas extraordinarias.

a) As horas extraordinarias terán unha consideración excepcional e terán que ser argumentadas baseándose en excepcionais necesidades do servizo; en todo caso non poderán exceder de 80 ao ano por traballador/a.

b) Para o debido control do número de horas extraordinarias feitas, recoméndase levar un rexistro por servizos co número de horas realizado trimestralmente, que en todo caso será entregado tamén trimestralmente aos representantes dos traballadores.

c) As horas extraordinarias compensaranse preferentemente con descansos, á razón dunha hora por cada hora deste tipo traballada. No caso de que sexan realizadas en domingos, festivos ou días de descanso, compensaranse con dúas horas.

d) De non ser posible a súa compensación en días, por necesidades do servizo ao longo do ano, serán compensadas económicamente como gratificacións na contía fixada no capítulo do sistema retributivo.


Artigo 16º.- Calendario laboral.

O calendario laboral será o pactado cos delegados de persoal ou comité de empresa, de acordo co que os organismos competentes da Administración central, autonómica e local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen e afecten a provincia de Lugo.

Establécense como días non laborables e non recuperables o 24 e 31 de decembro, permanecendo pechadas as oficinas públicas, agás dos servicios de Información e rexistro xeral, se fose obrigado persoal laboral a realizar es servizo nestes días terá dereito á percepción de dobre festividade. Cando estes días coincidan en sábado ou días non laborables, serán compensados con outros dous días de asuntos propios.

Ademais, será inhábil para todo o persoal laboral, con carácter de non recuperable, a festividade de Santa Rita, patroa da Administración Local. No suposto de que este día coincida con festivo, sábado ou domingo, substituirase polo día hábil inmediato.

A cada traballador concederánselle os dous días libres e non recuperables con motivo das festas patronais, e dicir, os dous festivos locais establecidos.


CAPÍTULO VI.- Licenzas, vacacións e permisos

 


Artigo 17º.- Licenzas e permiso retribuídos.

A) Por paternidade. Polo nacemento, acollida ou adopción dun fillo, o pai traballador terá dereito a un permiso de paternidade de 29 días naturais de duración, que se computará a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, con independencia da situación laboral da nai. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días. O devandito permiso será acumulable a calquera outro dereito recoñecido na normativa aplicable, inclusive ao permiso de nacemento. O permiso de paternidade computarase dende a finalización do permiso de nacemento no caso de acumularse a este (Lei da Función Pública de Galicia)

Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo do Concello de O Vicedo, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.

Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas maternidade e adopción e acollemento.

A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos de maternidade e por adopción e acollemento nos seguintes supostos:

Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.

Se a filiación paterna non estivese determinada. Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.

Cando a resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.

No suposto de matrimonio de mulleres ou unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea

No caso do permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla, maternidade e adopción e acollemento o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos durante todo o período de duración do permiso, e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.

O persoal que fixese uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade ou adopción ou acollemento terán dereito, así que finalice o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidese ter dereito durante a súa ausencia (Lei da Función Pública de Galicia).

B) Por enfermidade grave, accidente ou falecemento. Polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade, cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade, e 10 días hábiles se existe convivencia previa co familiar finado.

Nos supostos de accidente ou enfermidade moi grave do cónxuxe, parella en análoga relación de afectividade, familiares en primeiro grao, acollidos/acollidas ou familiares conviventes, e para atender o seu coidado, o persoal do Concello de O Vicedo terá dereito a un permiso retribuído cunha duración máxima de trinta días naturais. Cada accidente ou enfermidade xerará un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días, se poderá utilizar de maneira separada ou acumulada.

Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade.

Polo falecemento dun familiar do terceiro grao de consanguinidade ou afinidade o permiso consistirá no tempo indispensable para asistir ao enterro.

C) Por traslado de domicilio. O traballador terá dereito por traslado de domicilio sen cambio de residencia, dous días na mesma localidade e catro días se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous o máis membros, o permiso será de dous días se non hai cambio de localidade e de catro se existe cambio (Lei da Función Pública de Galicia). Non se poderá repetir o permiso por este concepto máis dunha vez ao ano.

D) Por asistencia a exames. Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

E) Por asuntos persoais. Os empregados municipais poderán dispor como máximo de ata noves días de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo. Así mesmo, terase dereito ao gozo de dous días adicionais ao cumprir o sexto trienio, dereito que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia) e que poderán ser desfrutados ata o 15 de xaneiro do ano seguinte.

F) Polo cumprimento dun deber inescusable. Poderá concederse permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida laboral ou familiar. (Estatuto Básico e Lei da Función Publica de Galicia)

G) Realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto.

As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade de realización delas dentro da xornada de traballo. Para acompañar o seu cónxuxe ou parella en análoga relación de afectividade a tratamentos de fecundación asistida, a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto, o persoal laboral terá dereito a un permiso retribuído en idénticos termos e condicións de exercicio que os previstos para estes permisos (Lei da Función Pública de Galicia)

H) Fillos prematuros ou con necesidade de hospitalización. Polo nacemento de fillos prematuros ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, o traballador ou traballadora terá dereito a ausentarse do traballo durante un máximo de dúas horas diarias percibindo as retribucións íntegras. Así mesmo, terá dereito a reducir a súa xornada de traballo ata un máximo de dúas horas, coa diminución proporcional de retribucións (Estatuto Básico)

I) Acompañamento a revisións médicas de fillos e fillas e persoas maiores ao seu cargo.

Os traballadores terán dereito a ausentarse do traballo para acompañar ás revisións médicas os fillos e fillas e as persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo (Lei da Función Pública de Galicia)

J) Tratamentos de fecundación asistida. As traballadoras terán dereito a un permiso retribuído para tratamentos de fecundación asistida polo tempo necesario para a súa práctica, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada traballo. Se fose necesario o desprazamento, o permiso será de dous días (Lei da Función Pública de Galicia)

K) Por matrimonio ou inicio de vida en común. Por matrimonio propio ou por constitución de parella de feito en rexistro público, o persoal terá dereito a unha licencia retribuída de 21 días naturais ininterrompidos, podendo acumulalos ás vacacións.

Por matrimonio de parentes (ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade), 1 día; 2 días se fose a máis de 200 kms. de distancia e 3 días se fose a máis de 500 km. O permiso deberá coincidir coa data da celebración.

L) Por maternidade e por adopción e acollemento. No suposto de parto, a duración do permiso será de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia). O permiso distribuirase a opción da traballadora sempre e cando seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, no seu caso, da parte que reste do permiso.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, en caso de que a nai e o pai traballen, ésta, ao iniciar o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de xeito simultáneo ou sucesivo coa nai. O outro proxenitor poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo ésta se atope en situación de incapacidade temporal (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia).

Nos casos de parto prematuro e naqueles en que, por calquera outra causa, o neonato tivese que permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia).

No suposto de matrimonio de mulleres, ao ser unha delas a nai biolóxica, garantiráselle á que non o fose, de ser persoal ao servizo do Concello de O Vicedo, que, por elección daquela, poida aproveitar parte da licenza de maternidade que se lle podería transferir ao pai (Disposición Adicional Novena da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres engadida pola Disposición Adicional Primeira da Lei 2/2007, de 28 de marzo)

Nos supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia), o permiso terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas máis no suposto de discapacidade do menor adoptado ou acollido e por cada fillo, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple. O cómputo do prazo contarase a elección do traballador, a partir da decisión administrativa ou xudicial do acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que un mesmo menor poida dar, en ningún caso, dereito a varios períodos de gozo deste permiso (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia). En caso de que a nai e o pai traballen, o permiso distribuirase a opción dos interesados, que poderán desfrutalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos.

Se fose necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado ou acollido, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses (Lei da Función Pública de Galicia)

Con independencia do permiso de ata tres meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto previsto no devandito parágrafo, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, o permiso poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial do acollemento (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia).

Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia).

Nos casos de disfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma dos mesmos non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan no caso de discapacidade do fillo ou filla (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia) ou das que correspondan en caso de parto múltiple.

Os permisos a que se refire este apartado poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, a solicitude dos traballadores e se o permiten as necesidades dos servizos, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Durante o gozo destes permisos poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración (Estatuto Básico e Lei da Función Pública de Galicia).

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o embarazo, un posto de traballo ou xornada distinto ao seu, sempre que, segundo prescrición médica, o posto de traballo habitual resulte nocivo para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría nin diminución dos seus dereitos económicos. Rematada a causa que motivou o cambio do postos de traballo procederase á reincorporación ao seu destino orixinal.

M) Por lactancia. Por lactancia dun fillo ou filla menor de doce meses, a traballadora terá dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. Este dereito poderase substituír por unha reducción da xornada normal en media hora ao inicio e ao final da xornada ou ben nunha hora ao inicio ou ao final da xornada. Este dereito poderá ser exercido indistintamente por un ou outro dos proxenitores, no caso de que ambos traballen. Igualmente, poderá substituírse o tempo de lactancia por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas o tempo correspondente ou ben por un crédito de horas, podéndose aproveitar, en ambos casos, en calquera momento, despois do gozo do permiso de maternidade. A cantidade de horas incluídas no crédito será o resultado de contabilizar o total de horas ás que se tería dereito se se dispuxese do permiso de lactancia na súa modalidade dunha hora diaria de ausencia. Este permiso incrementarase proporcionalmente no caso de parto múltiple.

Nos supostos de adopción ou acollemento, este dereito computarase durante o primeiro ano desde a resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento.

N) Por razóns de garda legal Quen por razón de garda legal, teña ao seu coidado directo algún menor de 12 anos, a unha persoa de idade avanzada que requira especial dedicación ou a un diminuído psíquico ou físico que non desempeñe ningunha actividade retribuída, terá dereito a unha diminución dun tercio ou un medio da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións. Terá o mesmo dereito o persoal laboral que precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non se poida valer por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída (Estatuto e Lei da Función Pública de Galicia)

Ñ) Reducción de xornada para atender a un familiar de primeiro grao por enfermidade moi grave.

Por ser preciso atender o coidado dun familiar de primeiro grao, o persoal laboral terá dereito a solicitar unha reducción de ata o 50% da xornada laboral, con carácter retribuído, por razóns de enfermidade moi grave e polo prazo máximo dun mes, prorrogable en circunstancias excepcionais e atendendo á extrema gravidade da enfermidade padecida, ata un período máximo de dous meses. Se houbese máis dun titular deste dereito polo mesmo feito causante, o tempo de gozo desta reducción poderase ratear entre eles, respectando, en todo caso, o prazo máximo dun mes ou, se é o caso, o de dous meses.

O) Permiso retribuído por accidente ou enfermidades moi graves

Nos supostos de accidente ou enfermidade moi grave do cónxuxe, parella en análoga relación de afectividade, familiares en primeiro grao, acollidos/acollidas ou familiares conviventes, e para atender o seu coidado, o persoal laboral terá dereito a un permiso retribuído cunha duración máxima de trinta días naturais. Cada accidente ou enfermidade xerará un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días, se poderá utilizar de maneira separada ou acumulada (Lei da Función Pública de Galicia).

P) Permiso por razón de violencia de xénero sobre o persoal laboral

As faltas de asistencia do persoal laboral vítima de violencia de xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións en que así o determinen os servicios sociais de atención ou saúde, segundo proceda. Así mesmo, o persoal laboral vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito á reducción da xornada coa diminución proporcional da retribución ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicables, nos termos que para estes supostos estableza a administración do Concello de O Vicedo (Lei da Función Pública de Galicia e Estatuto Básico do Empregado Público).

Q) Flexibilidade horaria en supostos especiais: Quen ten ao seu cargo persoas maiores, fillos menores de 12 anos ou persoas con discapacidade terán dereito a flexibilizar nunha hora o seu horario fixo habitual. En casos de familias monoparentais, os empregados públicos con fillos con discapacidade, terán dúas horas de flexibilidade horaria a fin de conciliar os horarios dos centros de educación especial e outros centro onde o fillo reciba atención cos horarios propios do posto de traballo. Igualmente, existirá o dereito a ausentarse do traballo para asistir a reunións de coordinación e apoio asistencial.

Licencias non retribuídas. Por asuntos propios poderanse conceder licencias sen retribuír, dunha duración determinada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos, condicionadas ás necesidades do servizo


Artigo 18º.- Vacacións

1. O calendario de vacacións elaborarase anualmente e nel teranse en conta as necesidades dos servicios, oídos os órganos de representación do persoal laboral.

2. As vacacións terán a duración de 22 días hábiles anuais por ano completo de servizo ou en forma proporcional ao tempo de servizos efectivos, debéndose desfrutar de forma obrigatoria dentro do ano natural e ata o quince de xaneiro do ano seguinte. Desfrutaranse en períodos mínimos de 5 días hábiles consecutivos, de acordo coa planificación que se efectúe por parte da dirección de cada departamento ou servizo. Para estes efectos, os sábados non serán considerados días hábiles.

3. No suposto de completar os anos de antigüidade na administración reflectidos no cadro posterior terase dereito ao desfrute dos seguintes días de vacacións anuais:

15 anos de servizo........... 23 días hábiles

20 anos de servizo........... 24 días hábiles

25 anos de servizo........... 25 días hábiles

30 ou máis anos de servizo.... 26 días hábiles

O dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao cumprimento da antigüidade referida.

4. As vacacións desfrutaranse preferentemente e con carácter xeral entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, respectando sempre as necesidades do servizo.

5. No caso do persoal que traballa a quendas, non poderá comezalo período vacacional en descanso semanal establecido

6. No suposto de baixa por maternidade, enfermidade ou accidente, interromperase o cómputo do período vacacional e reanudarase unha vez recuperada a alta polo traballador, de acordo coas necesidades do servizo. No caso de que o período de vacacións coincida cos permisos previstos na liña 4 do artigo 70 da Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/88, do 26 de maio da función pública de Galicia, a persoa interesada terá dereito á fixación dun período alternativo (Lei da Función Pública de Galicia).

7. O plan de vacacións anuais será elaborado antes do 30 de marzo de cada ano, de xeito que cada un poida coñecelas datas que lle correspondan, polo menos con dous meses de antelación á data de comezo daquelas. O calendario será consultado cos representantes dos traballadores

8. Nos servizos onde se poidan producir colisión de intereses, organizaranse as quendas de forma obrigatoria, de xeito rotativo, comezando polo traballador con maior antigüidade no servizo e, no seu defecto, no Concello de O Vicedo.

9. As vacacións non poderán ser compensadas en metálico nin en todo nin en parte, agás cando no transcurso do ano se produza a extinción da relación de emprego do traballador ou sexa declarado este en situación de excedencia ou de suspensión de funcións e aínda non teña desfrutado ou completado na súa totalidade o desfrute do período vacacional.

10. No suposto de producirse colisión de intereses entre un traballador afectado por unha enfermidade ou por un accidente e aqueles outros do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.

11. O calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos interesados, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servizo, e non se afecte a intereses de terceiros no ámbito das quendas establecidos.

12. Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de 12 anos ou maiores dependentes ao seu coidado.

13. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan (Lei da Función Pública de Galicia)


CAPÍTULO VII Condicións económicas

 


Artigo 19º.- Plan de pensións.

O Concello comprométese a promover un plan de pensións, sistema emprego para os seus traballadores, consonte o disposto na Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2009.


Artigo 20º.- Condicións económicas

1. As retribucións económicas do persoal afectado por medio deste convenio serán percibidas mensualmente por todas as categorías, marcadas pola Lei dos orzamentos xerais do Estado, baixo os seguintes conceptos retributivos:

A) Retribucións básicas:

a) O soldo, que se asigna en función da pertenza a cada un dos grupos.

b) Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada grupo por cada tres anos de servizo no mesmo. Para estes efectos computaranse a totalidade dos servicios prestados mediante relación laboral ou estatutaria en calquera administración pública. No caso de que o traballador preste os seus servizos sucesivamente en diferentes escalas ou corpos de distinto grupo, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados en grupos anteriores.

c) As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano co importe establecido ao respecto pola normativa orzamentaria de aplicación.

B) Retribucións complementarias:

a) O complemento de destino correspondente ao nivel do posto que se desempeñe

b) O complemento específico destinado a retribuír as condicións particulares dos postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade.

c) O complemento de productividade destinado a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa con que o traballador desempeñe o seu traballo.

d) As gratificacións por servicios extraordinarios fóra da xornada laboral.

2. Os traballadores percibirán tamén as indemnizacións correspondentes por razón do servizo.

3. En todo o non previsto neste acordo será de aplicación a normativa sobre retribucións aplicable ao persoal funcionario do Concello de O Vicedo


Artigo 21. Contía das retribucións

1. As retribucións básicas dos traballadores do Concello de O Vicedo devengaranse cada ano na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lei de Presupostos Xerais do Estado.

2. O complemento de destino dos traballadores do Concello de O Vicedo devengarase cada ano na contía e coa periodicidade previstas na Lei de presupostos xerais do Estado. A tal fin, fíxanse como niveis mínimos e máximos dos postos de traballo en función do seu grupo de pertenza os seguintes:

N. mínimo

N. máximo

Grupo A1

22

30

Grupo A2

18

26

Grupo B

16

22

Grupo C1

14

22

Grupo C2

12

18

Grupo E

10

14

Tódolos postos de traballo que teñan asignado un nivel inferior aos niveis mínimos que se establecen serán clasificados automaticamente co nivel mínimo do correspondente grupo.

3. Corresponde ao Alcalde a distribución e asignación individualizada da contía global fixada nos orzamentos para complemento de productividade, de acordo cos criterios xerais previamente establecidos polo Pleno. Os criterios xerais de distribución e asignación individual dos complementos de productividade serán obxecto de negociación coa representación sindical, e deberán basearse en circunstancias obxectivas relacionadas directamente co desempeño do posto de traballo e os obxectivos asignados a este. As cantidades que perciba cada traballador por este concepto serán de coñecemento público dos demais traballadores, así como dos representantes sindicais.

4. As gratificacións, que non poderán ser fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo, deberán retribuír servizos extraordinarios realizados fóra da xornada habitual de traballo. As contías dos servizos extraordinarios serán percibidas no mes seguinte ó da súa realización. O valor da hora normal de traballo será o resultado de dividir a retribución anual bruta correspondente a cada posto (deducidos os trienios e a productividade) entre a xornada anual de traballo.

5. Os traballadores/as percibirán as indemnizacións correspondentes por razón de servizo (gastos de desprazamentos, asistencias a sesións de tribunais, axudas de custo ….) recollidas na normativa vixente ao respecto, aplicable aos empregados públicos.


Artigo 22º.- Referencia do valor das horas extraordinarias.

O valor da hora normal de traballo será o resultado de dividir a retribución anual bruta correspondente a cada posto (deducidos os trienios e a productividade) entre a xornada anual de traballo.

a) Hora extra traballada entre as 15.00 e as 22.00 horas; terá o valor dunha hora normal incrementada nun 35%.

b) Hora extra traballada entre as 22.00 horas e as 8.00 horas; terá o valor dunha hora normal incrementada nun 75%.

c) Traballos extras en sábados non laborables, días libres, domingos e festivos; terá o valor dunha hora normal incrementada nun 75%.

d) Cando o traballo veña motivado por algún tipo de emerxencia os incrementos antes subliñados serán reducidos nun 50%.


CAPÍTULO VIII Beneficios sociais

 


Artigo 23º.- Fondo social.

O Concello creará un Fondo Social, que figurará no orzamento ordinario, na contía que se negocia anualmente na Mesa xeral de negociación. Ten como finalidade inicial o cubrir as necesidades sociais do persoal laboral, tales como servizos sanitarios non concertados (odontoloxía e oftalmoloxía etc..).


Artigo 24º.- Axudas sociais.

Independentemente da asistencia médico - farmacéutica previstas na Lei, para o persoal laboral do Concello de O Vicedo cun ano de antigüidade ininterrompida estipúlanse as seguintes axudas:

1. O traballador municipal que teña cónxuxe ou fillos en situación de incapacidade absoluta e non realicen traballo retribuído, percibirá a cantidade de 100 euros mensuais, salvo que perciban pensión de minusvalidez ou incapacidade de organismo oficial, superior ao 75% do SMI.

2. Gastos de odontoloxía. Establécese unha axuda para gastos de odontoloxía, consistente no 45% do importe da factura oficial, sen que a devandita axuda poida superar a cantidade de 600 euros anuais por traballador

3. Gastos de oftalmoloxía. Establécese unha axuda para gastos de oftalmoloxía (monturas, cristais graduados e lentes de contacto graduadas), consistente no 40% do importe da factura oficial, sen que a devandita axuda poida superar a cantidade de 400 euros anuais por traballador.

4. O traballador municipal que teña fillos en idade escolar obrigatoria, percibirá unha axuda para gastos de libros en contía dun 20% da factura oficial presentada, sempre e cando non se supere o 100% do valor total do valor oficial dos libros. Así mesmo darase unha axuda para material escolar (mochilas, libretas, compases, bolígrafos, etc.. consistente nun cheque por valor de 50 euros, unha soa vez por ano e por cada fillo en idade escolar obrigatoria. Estas axudas non poderan ser compatibles con outras de análoga natureza.

5. Outros gastos. Establécese unha axuda para gastos de adquisición de audífonos, calzado e soletas ortopédicas, vehículos de minusválidos e outro tipo de próteses, sempre que non sexan cubertos pola seguridade social ou seguro de accidentes. Esta axuda ascenderá ata o 50% da factura oficial e non poderá superar a cantidade de 500 euros anuais por traballador.


Artigo 25º.- Xubilación.

Coa finalidade de fomentar a política de promoción do emprego, disponse a xubilación voluntaria ao cumprir a idade de 65 anos, para o persoal laboral. Non obstante o anterior, todos aqueles traballadores que ao chegar á devandita idade non teñan cuberto o período mínimo de cotización a Seguridade Social para causar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servizos ata o cumprimento do devandito período, momento no cal causarán baixa necesariamente.

No momento da súa xubilación o traballador percibirá un premio por importe de:

- 01 a 10 anos: 1 mes de salario+ antigüidade.

- 10 a 20 anos: 2 meses de salario+ antigüidade.

- 20 ou máis anos: 3 meses de salario+ antigüidade.


Artigo 26º.- Xubilación especial.

Acórdase que, de conformidade co Real Decreto 1194/1985, do 17 de xullo (BOE do 20 de xullo) para o caso de que os traballadores con sesenta e catro anos se queiran acoller á xubilación co 100% dos dereitos, o Concello substituirá ao que se xubile por calquera traballador inscrito na Oficina de Emprego, mediante un contrato da mesma natureza xurídica ca o extinguido.


Artigo 27º.- Indemnización por invalidez e morte por accidente de traballo.

O Concello xestionará un seguro que cubra a continxencia de invalidez permanente absoluta, así como o falecemento, derivadas ambas as dúas continxencias de accidentes de traballo, percibindo en tales supostos os beneficiarios, as cantidades que fixe a póliza do seguro.


Artigo 28º.- Vixilancia da saúde.

Segundo o estipulado na Lei 31/1995, do 8 de novembro, sobre prevención de riscos laborais, o Concello garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado da saúde, en función dos riscos inherentes ao traballo. Para o cumprimento do antedito, os delegados de persoal ou comité de empresa, se é o caso, e mais o servizo médico respectivo establecerá o calendario anual de revisións médicas, debendo ir, en todo caso, o traballador á revisión en día laboral, seralle notificado polo servizo médico ao interesado o seu resultado.


CAPÍTULO IX Réxime disciplinario

 


Artigo 29º.- Réxime disciplinario

1. O persoal do Concello poderá ser sancionado pola comisión das faltas tipificadas e a través do procedemento establecido na normativa básica estatal de aplicación aos funcionarios locais e persoal laboral.

2. O réxime disciplinario establecido enténdese sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrelos empregados públicos, que se fará efectiva na forma que determine a Lei.

3. As faltas cometidas polos traballadores municipais no exercicio dos seus cargos poderán ser moi graves, graves e leves, tal e como se establece na lexislación referida.

4. As persoas responsables, infraccións e sancións disciplinarias, extinción de responsabilidade e tramitación do procedemento configurarán no seu conxunto o réxime disciplinario.

5. En todo caso garantirase a audiencia do interesado e a presentación pola súa parte das alegacións que estime oportunas ao longo do procedemento, así como a audiencia dos órganos de representación sindical nos momentos procesuais determinantes da resolución final, como son a incoación do expediente e a formulación do prego de cargos e da proposta de resolución.


Artigo 30º.- Prescrición das faltas e sancións

As infraccións moi graves prescribirán aos 3 anos, as graves aos 2 anos e as leves aos 6 meses, as sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos 3 anos, as impostas por faltas graves aos 2 anos e as impostas por faltas leves ao ano.

O prazo de prescrición comezará a contarse dende que a falta se cometera e dende o cese da súa comisión cando se trate de faltas continuadas. O das sancións, dende a firmeza da resolución sancionadora.


DISPOSICIONS ADICIONAIS

 


D.A. 1ª.- Absorción e compensación.

O pactado neste convenio constitúe un todo orgánico no seu conxunto, e polo tanto, todas as condicións que nel se establecen, sexan ou non de natureza salarial, son compensables e absorbibles no seu conxunto, coas melloras de calquera tipo que viñese satisfacendo o Concello, ben por norma legal, convenio colectivo, contrato individual, uso ou costume, concesión voluntaria ou calquera outra causa.


D.A. 2ª.- Modificacións.

As modificacións parciais e puntuais deste convenio poderán ser acordadas pola Mesa xeral de Negociación do Concello do Vicedo, sen a necesidade de denuncia do convenio.

D.A. 3ª.- Xubilación.

As partes asinantes, considerando que a xubilación forzosa pode ser un instrumento para realizar unha política de emprego tiñan pactado neste convenio a xubilación obrigatoria aos 65 anos. As partes asinantes, de acordo co sinalado e ao non considerarse na actualidade na normativa laboral a posibilidade de pactar na negociación colectiva idades de xubilación sen prexuízo do disposto en materia de Seguridade Social, fan constar expresamente que, no caso de ter lugar durante a vixencia deste convenio unha modificación lexislativa que faga posibles tales pactos, entenderase incluída neste convenio a seguinte previsión: «coa finalidade de fomentar a política de promoción do emprego, disponse a xubilación forzosa ao cumprir a idade de 65 anos, para o persoal laboral. Non obstante o anterior, todos aqueles traballadores que ao chegar á devandita idade de 65 anos e non ter cuberto o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito a referida prestación, poderán continuar prestando servizos ata o cumprimento de devandito período, momento no cal causarán baixa necesariamente».


ANEXO I Xornada laboral

- Oficinas municipais. Horario de inverno: Luns a venres das 8.30 h ás 15.00 h (atención ao público: de 9.00 h a 14.00 h). Luns e martes das 16.30 h ás 19.00h (sen atención ao público).

Horario de verán: Luns a venres das 9.00 h ás 15.00 h.

- Recollida de lixo. Horario de inverno: Luns, mércores e venres de 6.00 h a 14.00 h.

Martes das 8.00 h ás 15.00 h. Xoves das 8.30 h ás 15.00 h. Horario de verán: Luns, mércores e venres das 6.00 h ás 14.00 h.

Martes e xoves das 8.00 h ás 11.00 h. - Persoal adscrito ao departamento de obras. Horario de inverno: De luns a venres das 7.30 h ás 15.00 h.

Horario de verán: De luns a venres das 9.00 h ás 15.00 h.

- Persoal de mantemento de augas. Horario de inverno: De luns a venres das 8.00 h ás 15.00 h.

Xoves das 16.30 h ás 19.00 h. Horario de verán: De luns a venres das 9.00 h ás 15.00 h. - Horario centro socio - cultural, xuvenil e da terceira idade.

Horario de inverno: De luns a venres das 10.00 h ás 14.00 h e das 16.30 h ás 20.00 h.

Horario de verán: De luns a venres das 10.00 h ás 14.00 h e das 19.00 h ás 21.00 h.

- Horario de persoal de limpeza das dependencias municipais, centro de saúde e colexio público.

De luns a venres das 17.00 h ás 20.30 h. De luns a venres das 14.00 h ás 16.30 h e das 20.30 h. ás 22.00 h.